Friday 29 de March de 2024

O Concello pobrense pon en valor as actividades turísticas desenvolvidas no verán


A concelleira do Turismo da Pobra do Caramiñal, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coas técnicas municipais desta área, Ángeles Tubío e Sara Sánchez, deron conta do balance turístico do verán deste 2021, dende xuño a setembro, ámbolos meses incluídos. A Administración local impulsou unha serie de actividades durante a época estival co obxectivo de ofertar experiencias a visitantes e residentes, pero tamén para contribuír a dinamizar a economía local. Ademais, algunhas destas propostas realizáronse en colaboración con algunhas entidades para, dende o Concello, brindarlle o apoio a empresas e asociacións do sector turístico. A edil fixo fincapé así en que toda a programación ofertada se realizou co afán de “ser un atractivo, que nos visiten e que iso reactive a economía local.”

As persoas visitantes que solicitaron información turística do municipio e da comarca neste estío foron 2.000 persoas, procedentes o 90% de turismo nacional, especialmente, de Madrid, País Vasco, Castela e León
e de Cataluña as máis repetidas, aglutinando entre elas o 74% dos visitantes chegados de fóra de Galicia. Das catro provincias galegas foron novamente A Coruña e Pontevedra, por este orde, das que máis visitantes recibiu A Pobra.

En canto ao turismo internacional, o principal país emisor foi Francia seguido do Reino Unido, Irlanda e Estados Unidos. O aloxamento escollido mais demandado foi a vivenda de aluguer, seguida da vivenda
de familiares ou amigos, da segunda residencia e da embarcación propia dos cales foron 21 persoas, chegadas, principalmente de Inglaterra e de
Francia. A maiores, 61 persoas, maioritariamente procedentes do territorio nacional, chegaron en autocaravana.

As viaxes en veleiro pola ría da Arousa transcorreron durante 13 días nas fins de semana de mediados de xullo ata a penúltima semana de agosto, concretamente, do 17 de xullo o 24 de agosto. Foron unha totalidade de 50 viaxes na que utilizaron o servizo 380 persoas. A maioría das persoas usuarias eran visitantes de Madrid, seguidos de Castela e León, da Coruña e de Andalucía. Tamén se xestionaron viaxes en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 55 persoas a Sálvora para realizar a ruta Starlight no mes de xuño; 78 a Ons; e 105 novamente a Sálvora no mes de agosto. Moveron así a un total de 238 persoas, entre residentes e visitantes.

Por outra banda, chegaron en kayak 175 persoas peregrinas da Ruta Xacobea do Mar da Arousa e do Río Ulla, procedentes de todo o territorio español, especialmente de Canarias e Madrid, aínda que tamén de países como Portugal, Francia Italia, Alemania, Polonia, Rumanía, Dinamarca e Venezuela.

No que respecta ao turismo mariñeiro, consolídanse estas xornadas como unha das principais actividades para as persoas visitantes. Pese a que o ano pasado só tivo lugar unha delas, este ano recuperouse con forza, nunha aposta firme, tanto por parte do Concello coma por parte da Asociación Mar da Pobra. Neste senso, ao longo da tempada estival tiveron lugar 6 visitas, as cales moveron un total de 93 persoas, incluída a visita escolar desta semana.

En canto ás actividades organizadas ao abeiro da Semana do Mar, destaca a alta participación, cun total de 100 persoas entre o paseo guiado con Manuel Gago, a charla con Rogelio Santos, o percorrido A Orixe e a actividade infantil A pesca-la troula. Tamén é preciso salientar a boa acollida do mercado mariñeiro, que tivo lugar tamén durante a mesma e que este ano contou cun total de 60 postos e A Nosa feira, que estivo nos xardíns Valle-Inclán durante os meses de xullo e agosto e que conforma un atractivo máis para visitantes e foráneos, cos seus 18 postos de artesanía.

No relativa a algunhas das regatas que recalaron no porto da Pobra do Caramiñal, subliñar o seguinte: travesía Navega el Camino, composta por 7 embarcacións e 35 persoas (no mes de xuño); Ruta Xacobea Náutica dende Baiona, na que participaron 25 embarcacións e 124 persoas (no mes de xullo); Regata Mar de Maeloc, na que participaron 51 embarcacións cunhas 300 persoas (no mes de agosto). Para todas elas o Concello organizou unha recepción por parte das autoridades e fóronlles entregadas bolsas con agasallos, compostas por material turístico e produtos da Pobra como conservas ou viño.

E, finalmente, indicar as rutas marítimas percorrendo en lancha tres puntos cruciais da ría da Arousa: bateas, illa da Rúa e illa do Areoso. Con motivo da demanda que tivo esta actividade, houbo que ampliar visitas e facelas en horario de mañá e de tarde. En total, en tres xornadas, participaron nesta un total de 55 persoas.